Novo sinxelo

As festas de San Froilán de Lugo inspiran Lugoland, a primeira canción do Galego de Caracas.
O tema foi gravado, mesturado e masterizado na Cova do Oso estudio polo enxeñeiro Fidias Torres e conta cunha instrumental producida por Horacio Hibirma (@hhponelritmo) no que o trap e a electrónica mestúranse con sons de feira para facer bailar e chimpar aos oíntes ao tempo que escoitan o relato dunha finde de esmorga en Lugo durante as festas de San Froilán.
O videoclip foi realizado enteiramente por Daniela Blanco Santos (@blancos.photo) durante o San Froilán 2025 e a edición estivo cocéndose a lume lento durante un ano co obxectivo de facer o lanzamento neste San Froilán 2026.

Videoclip en breve
Vive as festas de San Froilán
Galego de Caracas
Coñece a traxectoria do autor:
Simón Antonio Rodríguez Landaeta, alias Galego de Caracas, é poeta, recitador escénico e rapeiro. Neto de galegos, nado e criado en Venezuela, logo de rematar a Licenciatura en Letras, emigra á cidade de Lugo no ano 2019 ao abeiro das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior da Xunta de Galicia para cursar o Máster en Servizos Culturais da USC.
Aprende o galego dende cero e comeza a compartir contidos de divulgación con perspectiva intercultural nas RRSS como @galegodecaracas. No ano 2023 gaña o Premio Nacional de Poesía O Facho co libro A outra patria, o cal é publicado a principios do 2024 por Medulia Editorial.
Convértese nun asiduo das competicións de Slam Poetry a nivel galego. Gaña a tempada 2023 do Bóveda Slam Poetry, ao cal representa no Poetry Slam España 2024, realizado na cidade de Santander. Tamén chega á final do VI Premio Nacional de Poesía Viva #LdeLírica da organización Ámbito Cultural (El Corte Inglés).
Ten pisado escenarios de festivais como o Castelo Conta (Culleredo), o Festival Maré (Santiago de Compostela) ou Ceiba Rimas (Pontevedra) realizando presentacións de palabra falada e rap. Amais ten feitas accións poéticas en espazos como o Museo Provincial de Lugo ou o Centro Cultural O Vello Cárcere.

Fotografía por Cris Bamio.

